“Cremos que Imatia Innovation reflicte a visión, o empuxe e a innovación que definen un proxecto empresarial con éxito”. Con estas características a spin-off da Universidade convenceu do seu potencial á editorial Red Herring, que elixe cada ano o TOP 100 das empresas tecnolóxica europeas máis innovadoras, entre as que neste 2012 hai seis españolas, entre elas Imatia. Alex Vieux, responsable da rede, explica que a compañía galega, nada no seo da Universidade de Vigo, “debería estar orgullosa do seu logro, xa que este ano a competencia foi máis forte ca nunca”. Dende 1996 Red Herring elabora anualmente unha lista de referencia mundial das empresas máis prometedoras, unha distinción ás iniciativas con máis carácter emprendedor e desenvolvemento futuro. Entre as seleccionadas das pasadas edicións atópanse algunhas das entidades tecnolóxicas máis importantes do planeta, como Facebook, Skype, YouTube ou eBay.
02/05/2012