Existe unha opinión xeneralizada, incluso dentro da comunidade científica, de que os efectos dos grades vertidos de petróleo no medio mariño en xeral e, particularmente, nas aves mariñas, prodúcense só a curto prazo. Unha idea, que non obstante, vén de ser rebatida no traballo Long-term reproductive impairment in a seabird after the Prestige oil spill publicado polos investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Álvaro Barros, David Álvarez e Alberto Velando, no que se apunta que os efectos dun gran vertido, poden ser importantes tamén no longo prazo, e polo tanto, as medidas de recuperación das zonas e especies afectadas deben ser formuladas con esta perspectiva. O estudo, que recolle datos tomados entre os anos 1994 a 2012 en dezaoito colonias de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), confirma que a marea negra do Prestige reduciu nun 45% o éxito reprodutor desta especie.
06/05/2014