A diferenza de outros deportes nos que cumprir 40 anos supón a obrigada retirada da práctica profesional, no caso do alpinismo, a madurez xoga con vantaxe. Así o constata Mário Rui Neves na súa tese de doutoramento presentada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que destaca que os alpinistas compiten na elite con máis de 40 anos. “O alto rendemento no alpinismo mantense en idades de máis de 35 e 40 anos, momento no que as capacidades físicas comezan a estar en declive”, o que pon de manifesto que ademais da esixencia física e técnica, “a preparación psicolóxica é decisiva no rendemento do alpinista para superar con éxito situacións complexas”. Trátase dunha investigación innovadora, pois como aclara Neves, “a pesar de que o alpinismo é un deporte tradicional, foi pouco estudado sobre todo no que respecta aos factores psicolóxicos implicados”.
14/09/2011