Esta historia comeza hai 40 anos en Ourense... Estamos no curso 1973/74 e o entón Colexio Universitario da cidade inicia a súa actividade impartindo os primeiros ciclos das licenciaturas de Química e Bioloxía e o primeiro ano de Farmacia e Xeografía e Historia. Sen sede propia, a Caixa de Aforros de Ourense ofrece para el, de xeito provisorio, un edificio que tiña fronte ao Xardín do Posío. Francisco Guitián, Manuel Albendea e Luis Romaní, director, subdirector e secretario respectivamente do novo centro, adaptan o edificio ás novas necesidades. Con algúns retoques, a cafetaría, destinada aos xubilados para os que se concibira o edificio, convértese nun laboratorio de Química, o faiado baixo cuberta nun laboratorio de Física... Tras estes comezos viñeron catro décadas de acontecementos que conformaron o que hoxe é o campus de Ourense, campus que este mércores quixo lembrar os seus 40 anos de bagaxe homenaxeando ás persoas que dun xeito ou outro formaron e forman parte del.
22/01/2014