Orixinalidade, creatividade, innovación e con sinatura galega. Son as características das mil mostras de traballos publicitarios recollidas no anuario Creatividade Galega 2008 que impulsan tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación: Chechu Pérez, Eva Quintas e Alberto Dafonte. O catálogo, que foi presentado este martes en Santiago de Compostela, recolle as mellores producións de 2008 e na súa terceira edición conta coa colaboración da Asociación Provincial de Publicidade de Pontevedra e a Asociación Galega de Deseñadores ademais de Galicia Calidade e a Consellería de Innovación e Industria. Dar a coñecer o bo facer dos deseñadores e publicistas galegos e servir de testemuña das capacidades competitivas das empresas de deseño e comunicación de Galicia son os obxectivos que guían, desde 2006, esta publicación. Segundo explica Chechu Pérez, o seu obxectivo é “reivindicar o potencial da publicidade galega”, un paso máis no camiño ata gañar “a confianza dos anunciantes no sector publicitario galego”.
20/01/2009