Nunca antes un acto de apertura de curso creara tanta expectación como o que aconteceu esta mañá na Facultade de Belas Artes e o feito non é para menos, xa que máis de 300 alumnos comezaron o novo grao en Belas Artes, a primeira titulación da Universidade de Vigo adaptada a Europa. Tras un arduo proceso de elaboración do plan de estudos e de avaliacións por parte da ANECA, a xa obsoleta licenciatura entra en Boloña con grandes expectativas e así o fixo saber o seu decano, Ignacio Barcia, aos novos estudantes. “Somos os primeiros e iso supón un reto maior, o máis duro xa pasou e agora aínda queda moito por facer, pero temos un proxecto moi bo e estamos seguros de que o resultado será positivo”. Ademais, engadiu Barcia,“fixemos dunha necesidade unha virtude e aproveitamos para deseñar un plan de estudos sinxelo, coherente e completo, dirixido a futuros profesionais da arte e da cultura”.
25/09/2008