Elas son as parellas, as amigas, as fillas, as nais, as avoas, as tías, as irmás, as veciñas, as compañeiras de traballo... Elas, con nomes e apelidos, son as que nalgún momento da súa vida padeceron ou padecerán cunha violencia máis ou menos sutil as consecuencias de estar nunha sociedade, mantida entre todos e todas, na que a discriminación de xénero segue sendo unha realidade. Para loitar contra esta situación, contra a falsa sensación de igualdade existente e contra a violencia de todo tipo contra as mulleres, este 25 de novembro celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Universidade de Vigo uniuse a esta conmemoración acollendo diversas actividades entre as que destacaron no campus de Ourense a celebración dun faladoiro e a inauguración dun Camiño da Igualdade que lembra a figura de 15 destacadas mulleres. Un flashmob con Mercedes Peón puxo tamén voz no campus de Vigo a esta data reivindicando unha muller forte e "con dereito á lexítima resposta".
25/11/2013