A simulación do comportamento dun fluído é fundamental para infinidade de cousas: para prever o impacto do incremento do nivel do mar na costa, para estimar se unha planta petrolífera pode soportar un temporal, para analizar se unha inundación por treboada afectaría a unha estrada... Neste eido, o traballo do grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, da Universidade de Vigo, tense convertido nun referente internacional co desenvolvemento de DualSPHysics. Este programa permite, aproveitando unha tecnoloxía desenvolvida pola industria dos videoxogos, facer as maiores simulacións de fluídos, como grandes masas de auga, cunha precisión moi elevada, podendo ver o seu comportamento centímetro a centímetro. Polo seu alto rendemento nun tempo de cálculo razoable, de horas, e con medios de computación accesibles, estase a empregar en países como Bélxica, India e Indonesia.
13/11/2015