A través da educación reprodúcense as necesidades socioeconómicas do alumnado dunha comarca, é dicir, que “o futuro académico dos rapaces e rapazas non depende soamente das súas aptitudes pedagóxicas, senón tamén de factores como a familia, a economía, o emprego ou a política”. Esa é unha das principais conclusións recollidas por Luis Manuel Rodríguez-Otero na súa tese de doutoramento, na que analizou a forma en que a contorna familiar, social e xeográfica, o perfil socioeconómico, educativo e laboral ou a existencia de recursos ou servizos son determinantes para marcar as expectativas educativas e laborais do alumnado da mancomunidade de Verín. Unha investigación única nesta bisbarra que por primeira vez inclúe a todos os actores implicados (estudantado, familias e axentes sociais).
13/02/2015