O tópico e a canción din que en Galicia a choiva é arte. Sen embargo, a partir de agora tamén poderán dicir que en Galicia a choiva é ciencia e ciencia punteira no eido internacional. O investigador da Universidade de Vigo Luis Gimeno, á fronte dun equipo internacional de expertos, vén de publicar na prestixiosa publicación Reviews of Geophysics un artigo no que, a través de 50 páxinas, compendia todo o que se sabe na actualidade sobre as fontes das precipitacións que se producen nos diferentes continentes e lanza as preguntas de futuro que deberá abordar esta disciplina. A súa elección hai dous anos por parte da revista para realizar este artigo e a súa publicación en novembro, sitúano como referente internacional neste eido. En case 50 anos de existencia, só outros dous autores españois foron escollidos para publicar nesta revista e é a primeira vez que o fai a un investigador español nun tema relacionado co océano.
11/12/2012