Un día, por interese informativo ou por intereses non xornalísticos, un tema atrae a atención dos medios de comunicación. Durante días, semanas ou ao longo do tempo continúa o seu tratamento mediático. O tema ramifícase, retroaliméntase, introdúcese nas conversas cotiás e as persoas complétano cos coñecementos relacionados con el que xa teñen. Pasa a ser un tema de interese social e as entidades implicadas maniféstanse sobre el e incluso chegan a tomar medidas para dar resposta ás demandas sociais. Con este esquema fórmase a imaxe que os cidadáns teñen de moitos temas xerais, desde a inmigración e a prostitución ata a crise económica ou o cambio climático. Para afondar en como se artellan estes imaxinarios sociais e valorar o seu potencial para entender ou desentender a realidade, case unha vintena de expertos de seis países danse cita este xoves e venres no campus de Ourense.
03/07/2014