“Un fito no modo de relacionarnos desde a Universidade coas empresas”. Así definía Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a importancia que ten a posta en marcha na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense dun programa de apadriñamento de alumnado por parte de empresas. A iniciativa, presentada este xoves, comezará este ano coa participación do Grupo Cuevas, Caldaria Termal e Modera Media e dela beneficiaranse tres estudantes de último curso. “A importancia desta acción non é o seu montante económico senón o cambio de cultura que supón para as relacións entre a Universidade e a contorna económica”, advertiu o reitor. A tutela incluirá o pago da matrícula aos beneficiarios, a realización de prácticas e do traballo fin de grao na empresa e unha relación permanente de asesoramento.
04/10/2012