Como se dunha colmea se tratase, cada día son miles as persoas que se achegan á universidade a traballar ou a estudar. Cada unha delas trae consigo unha historia persoal única, unha historia que nalgúns casos, como o da alumna da Facultade de Dereito do campus de Ourense Felisa Nchama, se converte nunha lección para os demais. Ela foi unha das elixidas pola Asociación P(A)T Galicia para ser unha das protagonistas do proxecto de inclusión social Entreparadas, no que persoas anónimas pertencentes a colectivos tradicionalmente considerados en risco de exclusión social, se embarcaban na experiencia de representar historias teatralizadas da Xeración Nós en autobuses urbanos da cidade de Ourense. Un documental, ao que Felisa Nchama pon rostro, recolle agora en imaxes e testemuños o que foi esta extraordinaria experiencia, desde que comezou a fraguarse ata recibir os aplausos do público.
23/05/2013