Se hai un tema recorrente na música e na poesía ese é o amor. Este sentimento, nas súas múltiples posibilidades, ten protagonizado innumerables pezas destas dúas artes. Por isto, o recital Poemas de Amor para Tempos Difíciles, a cargo do escritor Xosé Carlos Caneiro e do guitarrista Xosé Manuel Salgado, converteuse este xoves na mellor expresión da intensa relación existente entre música e poesía, tema dos XXI Encontros Literarios do Liceo. “Con todo o que nos leva quitado a crise que non nos quite o amor, a estima” sinalaba o escritor ourensán mentres ía recitando poema tras poema antes os amigos e espectadores presentes.
04/02/2011