Preto de 200 estudantes Erasmus das tres universidades galegas compartiron este xoves no campus de Ourense unhas horas de obradoiros, música e tempo de lecer ao abeiro da celebración da Terasmus, a Festa dos Erasmus na Terra. No transcurso da xornada os participantes tiveron a oportunidade de aprender a construír instrumentos musicais tradicionais con materiais baratos e accesibles, como unha noz ou unha abelá, coñeceron a técnica das palilleiras, a tradición alfareira de Niñodaguia e aprenderon a traballar con varas de vimbio para facer cestos nun programa de actividades que tentou amosarlles a riqueza da cultura e da tradición galega, “da que os galegos nos sentimos moi orgullosos”, segundo subliñou o vicerreitor de Relacións Institucionais en funcións, Iván Area. Unha visita guiada pola cidade e un concerto do grupo O sonoro maxín completan a programación prevista para este día.
03/06/2010