Coroceiros como a coruñesa Maruja Torre, construtores de instrumentos musicais como o lucense Xaneco Tubío, e outros artesáns como torneiros, oleiros ou poteiros amosan os segredos do seu oficio na Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial, que hoxe abriu as súas portas na Praza Maior de Ourense. Consuelo Vázquez, directora da Comisión Española da UNESCO, subliñou no acto inaugural a importancia de conservar o noso patrimonio, e definiu a mostra como “unha boa oportunidade para atopar vías de entendemento e para desenvolver pontes entre as culturas”.
Ata o sábado 14 desenvolveranse 53 horas de programación cultural interactiva que este ano xirará en torno aos valores que transmite o patrimonio cultural inmaterial: a reciclaxe, a comunidade, a utilidade e o contacto.
11/11/2009