Oleiros, poteiros, palilleiras, músicos, torneiros, zoqueiras e cesteiros, tomarán a partir do vindeiro 10 de novembro a Praza Maior para amosar o seus oficios a toda as persoas que se acheguen ata a terceira edición da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial. Ata o 14 de novembro desenvolveranse 53 horas de programación cultural interactiva que este ano xirará en torno aos valores que transmite o patrimonio cultural inmaterial. Así, a reciclaxe, a comunidade, a utilidade e o contacto serán os eixes centrais da terceira edición da mostra que este ano incorpora como novidade ao seu programa o Curso de metodoloxía de traballo nas aulas co patrimonio cultural inmaterial. Ao longo de tres días, do 10 ao 12 de novembro, o curso afondará nas vertentes teórica e práctica do patrimonio cultural inmaterial, contando para elo coa participación de destacados relatores como a directora da Comisión Española da UNESCO, Consuelo Vázquez.
05/11/2009