O emprego, a competitividade, a internacionalización da economía, unha boa política medio ambiental e un territorio vertebrado e con infraestruturas, son as claves para saír da crise segundo Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia. A súa intervención inaugurou este martes no Edificio Xurídico-Empresarial o ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise, no que tamén participarán os conselleiros de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal e de Economía e Facenda José Ramón Fernández Antonio. Núñez Feijóo, que agradeceu a invitación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo á que definiu como “fábrica do talento e do coñecemento”, ofreceu durante case unha hora a súa diagnose e propostas de solución “do principal problema que preocupa aos galegos”.
13/01/2009