As colaboracións puntuais entre a Universidade de Vigo e o Grupo Cuevas consolídanse grazas á sinatura dun convenio para a creación dunha cátedra que impulse o campus de Ourense como referente de I+D no sector agroalimentario. O reitor, Alberto Gago, e o director xeral do grupo, Manuel Rodríguez, foron os encargados de formalizar unha relación que xurde para un desenvolvemento científico e tecnolóxico común, na procura da aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.
A regulación da colaboración co Grupo Cuevas, un dos referentes da economía ourensá, era para o reitor “case unha obriga, pois o seu traballo está enfocado fundamentalmente ao sector agroalimentario, un dos principais intereses da Universidade neste campus” dixo. De feito, a iniciativa nace con obxectivos comúns aos que teñen algúns grupos de investigación, o CITI e o novo grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos "á hora de configurar un sector agroalimentario punteiro en I+D que acompañe e arrastre ao produtivo”, afirmou.
21/10/2008