Con 24 votos a favor, cinco en contra e dous en branco, a sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada hoxe deu luz verde á normativa de recoñecemento de actividades de docencia, investigación e xestión no curso 2012/2013, coa que se pretende establecer inicialmente un criterio de equilibrio entre docencia e investigación para o profesorado a tempo completo, previamente a calquera esquema de recoñecemento de intensificación docente, investigadora e de transferencia. Con esta normativa aprobada hoxe a Universidade de Vigo dá un paso adiante cara á elaboración do novo regulamento de profesorado no que se establecerán as directrices para o deseño do recoñecemento e rexistro do conxunto da actividades do PDI.
08/02/2012