A defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística, inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade e en espazos específicos de investigación. Estas son as ideas centrais da campaña En galego tamén se fai ciencia, unha iniciativa, promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que naceu no 2010 e da que este martes, tras o éxito e o impacto da primeira campaña, se presentou unha segunda fase na que se amplían os campos de participación.
Froito do traballo colectivo da comunidade universitaria galega, a presentación da campaña contou coa participación do reitor vigués Salustiano Mato, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes dos Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas.
27/11/2012