3758 mozas e mozos elixiron este curso algunha das escolas ou facultades da Universidade de Vigo para iniciar os seus estudos universitarios, un número que se traduce nun 95% de prazas cubertas –ofertábanse 3919- e nun incremento de alumnado de novo ingreso dun 1,5% con respecto ao curso pasado, cando se matricularan na institución académica viguesa 3699 novos estudantes. Os bos datos repítense nos tres campus, xa que as cifras de matrícula incrementáronse tanto en Ourense, onde pasan de 841 novos alumnos a 853; como en Pontevedra, de 773 a 779; e en Vigo, de 2085 a 2106.
A xuízo do reitor vigués, Salustiano Mato, “os resutados amosan que imos polo bo camiño no senso de acadar o equilibrio entre a oferta que achega a Universidade de Vigo e a demanda da propia sociedade", subliñou, ao tempo que destacou que "convén salientar que incrementamos o número de alumnos nun momento no que se está en proceso de adecuación ao EEES”.
06/02/2013