Con 235 matriculados e máis de 50 persoas que quedaron en lista de espera por falla de espazo, alumnado e equipo de goberno, representado polos vicerreitores Mª del Carmen Cabeza e Iván Area, uniron hoxe as súas voces para defender unha postura común: a firme defensa do idioma galego. Fixérono na apertura en Vigo das II Xeiras sobre a lingua galega, un lugar de encontro no que ao longo de toda a semana se darán cita todos aqueles que a día de hoxe teñen algo que dicir sobre a situación e as novas propostas que afectan á lingua na sociedade, no ensino, nas artes, na literatura, no cinema, nos medios...
A actividade, que acadara tamén un notable éxito na súa primeira edición, “vai na liña de consolidación dun debate que desafortunadamente non é novo”, subliñou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. Anxo Lorenzo, Xosé Manuel Beiras, Kiko da Silva ou Bieito Lobeira son algúns dos persoeiros que pasarán polo campus esta semana para participar nesta actividade.
09/03/2010