Metidos de cheo no outono, os montes galegos comezan a convertese nun paraíso para micólogos e afeccionados que cada ano por estas datas peregrinan ás fragas na procura dos mellores cogomelos. Para evitar sustos, o principal é a información, coñecer as especies que son comestibles, as que son perigosas e, ás veces, as mínimas diferenzas entre unhas e outras. Pero a tradicional axuda dos libros en papel deixa agora paso ás novas tecnoloxías, ás aplicacións para os teléfonos móbiles que permiten in situ e en moito menos tempo saír de dúbidas cos cogomelos. Así, xunto co cesto e a navalla, o teléfono móbil faise un oco na equipa habitual para apañar setas nas fragas e farao grazas á aplicación deseñada polo Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, unha guía para os dispositivos móbiles con sistema operativo Android na que se recolle información sobre as 250 especies de fungos máis comúns en Galicia.
25/10/2012