Damos un paseo para chegar do campus de Ourense ao centro da cidade. Collemos Doutor Temes, baixamos por Avenida de Castelao e dubidamos se coller a rúa Celso Emilio Ferreiro ou Cardenal Quevedo. Optamos pola primeira e imos ata Curros Enríquez para logo tomar a rúa do Concello, Juan XXIII, Concordia, Progreso e Bispo Cesáreo ata a Praza Maior. Polo camiño deixamos atrás vías con máis nomes de escritores, personaxes senlleiros, cidades, provincias ou flora e fauna, pero poucas con nome de muller. E é que en Ourense, das 348 rúas con nome de persoa só 56 son femininos, o 16% do total, unha desigualdade que se repite en todos os concellos de Galicia. Esta é unha das conclusións ás que chegaron as profesoras Susana Reboreda e Maribel Doval a partir do estudo do rueiro actualizado da cidade e do plano da Oficina de Información e Turismo.
28/10/2014