60 estudantes, 32 docentes e oito grupos de investigación fixeron posible que a de Vigo sexa a primeira universidade europea en enviar ao espazo un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. O XaTcobeo despegará o vindeiro 13 de febreiro, catro días máis tarde do previsto por decisión da ESA, a bordo da lanzadeira Vega dende a Güiana Francesa e marcará un fito para a institución académica viguesa. Co picosatélite xa ensamblado na cabeza do foguete, o reitor, Salustiano Mato, cualifica o proxecto como “un rotundo éxito, o final dun camiño” que abre novas portas tanto á propia Universidade como ao tecido empresarial vigués e galego. O XaTcobeo é resultado do esforzo conxunto de Universidade, INTA e ESA e unha boa mostra de traballo colaborativo e harmonización de docencia e I+D que permitiu emerxer unha nova liña estratéxica para a institución, a enxeñaría aeroespacial.
03/02/2012