A Universidade de Vigo foi designada pola Axencia Espacial Europea, ESA, nodo de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais –científicos, de investigación e educativos- e, en bandas libres. A proposta, elixida entre dezaoito candidaturas procedentes de toda Europa, “sitúa á Universidade de Vigo como referente mundial dentro dos sistemas de pequenos satélites”, subliña o profesor Fernando Aguado, investigador principal do proxecto Xatcobeo, punto de partida de todo este proceso.
Como nodo europeo da rede, a ETSE de Telecomunicación acolleu un seminario de traballo no que participaron 25 investigadores de Europa e América. Trátase de ultimar os detalles para pór en marcha unha constelación de pequenos satélites distribuída por todo o mundo que permitirá recadar á comunidade científica múltiple información.
01/02/2010