DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu os III Encontros 'A educación dende o compromiso co territorio'

Buscando ideas para transformar as urbes en cidades educadoras

A cita centrouse no exemplo de Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/04/2019

Arredor de 300 persoas déronse cita este xoves no campus de Ourense para participar nos III Encontros sobre A educación dende o compromiso co territorio. Se na súa primeira edición a temática elixida foi o exemplo da vila de Óbidos, en Portugal, e na segunda o traballo dos centros de desenvolvemento rural nesta terceira edición o foco trasladouse ás urbes, facendo un achegamento a Pontevedra como exemplo de cidade educadora tanto da man das súas institucións como de axentes sociais.  

Os encontros, que están organizados pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e o CIFP Portovello, da mesma cidade, tiveron un anticipo o pasado 28 de marzo cunha conferencia de Jaume Trilla, que presentou o seu último libro La moda reaccionaria en educación, e este xoves celebraron no campus de Ourense a súa actividade principal, as xornadas de encontro. Esta sesión foi deseñada, segundo explicaron os seus responsables, para coñecer a transformación de Pontevedra tanto desde “o punto de vista de quen tivo a idea como de quen a vive no día a día”. Así, a actividade contou cunha intervención de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e cunha mesa redonda na que distintos colectivos desa cidade explicaron a súa vivencia do modelo creado.

Visións

Durante a súa intervención Fernández Lores explicou o modelo de cidade desenvolvido en Pontevedra baixo o seu mandato co obxectivo de “intentar facer unha cidade para os seus habitantes, non para os coches” e coa idea de que o “o que fixemos é aplicable a moitas cousas”. Aclarando que “non se trata de dar leccións” xa que, advertiu, cada cidade ten as súas propias características, o alcalde de Pontevedra detallou ao público presente, maioritariamente alumnado e profesionais do eido da educación e a educación social, as iniciativas levadas a cabo. Nunha aposta por unha “cidade plana e compacta” na que o cidadán teña o que precisa para a súa vida nun radio de 15 minutos, Miguel Anxo Fernández indicou como o enfoque adoptado foi o de “mellorar o espazo público”, que considera como un dereito, ante a imposibilidade de mellorar o tráfico.

Xa na mesa redonda estiveron, entre outras persoas, David Villaverde, director do centro de día Amencer Aspace de Campolongo; José Antonio Caballero, da Anpa Campolongo; María Pierres, arquitecta especialista en igualdade; e José Ángel Abraldes, director do centro de recursos educativos da Once. Este último explicou que tendo en contas as necesidades das persoas con discapacidade visual “Pontevedra é unha cidade exemplar na accesibilidade”. Neste senso recalcou como “nós contribuímos a que sexa cada vez máis exemplar, potenciando as cousas que se fan ben e axudando a mellorar o que non funciona”, salientando a importancia da implicación dos colectivos afectados neste proceso e como “quedan moitas cousas nas que traballar”. Pola súa banda, David Villaverde falou das vantaxes de mobilidade no centro da cidade de Pontevedra para as persoas con mobilidade reducida grazas a modificacións en temas como a amplitude das beirarrúas, o control da velocidade e o incremento das rúas peonís, recoñecendo porén que “as vantaxes que teñen para nós poden ser inconvintes para outros colectivos”.

José Antonio Caballero explicou á súa vez “a influencia que ten no modo de vivir das familias e do colexio” o cambio de modelo de cidade. Así, describiu como se familias e colexios doutras cidades están "máis centradas en resolver problemas de transporte e desprazamentos" os problemas destes colectivos en Pontevedra son diferentes, podendo atender temas de limpeza, reciclaxe ou medio ambiente. “Hai problemas pero son diferentes”, dixo, facendo fincapé en “aínda hai moitas cousas que seguir mellorando”. Por último, María Pierres, ofreceu unha visión do urbanismo con perspectiva de xénero. “A perspectiva de xénero é unha cuestión que se ten que ir traballando co paso do tempo, día a día. Hai moitas áreas da cidade que aplicando estes conceptos poden sen dúbida mellorar. As cidades foron pensadas por homes para homes e teñen que pensarse para todas e todos”, dixo antes da súa intervención.  

A importancia da educación

Alén do modelo de Pontevedra, na inauguración da cita, Mar García, decana de Ciencias da Educación, salientou a necesidade de “contribuír entre todas e todos ao bo desenvolvemento das cidades” facendo fincapé no protagonismo da educación nese proceso. Nese camiño, Eva Álvarez, subdirectora do CIFP Portovello, subliñou como estes encontros “son un espazo para escoitar, conversar, aprender, para coñecer outras maneiras de facer as cousas, un espazo para a educación”. Pola súa banda, Manuel Doval, deputado de Cultura de Ourense, recalcou a importancia de, con iniciativas coma esta cita, “ser capaces de buscar puntos de encontro en sociedades tan complexas”.

Xosé Manuel Cid, coordinador dos encontros por parte da Facultade de Ciencias da Educación, puxo o aceno na relevancia das cidades educadoras. “Hai que pensar as cidades para as persoas, para os diferentes colectivos que habitan nela. Moitas veces iso non xera máis costes senón que se trata de mirar as cousas cunha perspectiva diferente e deixarse asesorar polas persoas que viven a cidade”. Sumándose a estas consideracións, Xesús Fortes, coordinador por parte do CIFP Portovello, salientou como escolleron Pontevedra polos seus vencellos con Tonucci, co concepto de cidades dos nenos, e co obxectivo de “ver como a transformación da cidade, facéndolle fronte ao tráfico rodado e pensando nas persoas que poden ter diversidades, vai facendo unha cidade máis rica, no senso de que a xente convive máis”.

A programación destes encontros pecharase o día 8 de abril cunha visita a Pontevedra na que participará tamén alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social do campus de Ourense. Trala recepción no concello, as e os participantes realizarán un percorrido guiado pola cidade e desenvolverán diferentes actividades lúdicas guiados por alumnado e profesorado do CIFP A Xunqueira.