Nun certame convocado polo IAA da UVigo
Búscanse fotografías que visibilicen a importancia da igualdade de xénero nas ciencias agroecolóxicas e alimentarias
Pode participar alumnado de calquera titulación do campus e tamén persoal do instituto organizador
O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) da Universidade de Vigo ten convocado o Concurso Fotográfico IAA 2025, que leva por lema Enfocando a igualdade: mulleres, ciencia e diversidade. Nel convidan o alumnado de calquera titulación do campus de Ourense e tamén o persoal deste instituto a presentar fotografías relacionadas coa igualdade de xénero no seu ámbito temático.
A iniciativa, explican desde a súa organización, está en liña coa aposta do IAA por converterse nun centro de referencia na transición cara sistemas agroalimentarios resilientes, sostibles, seguros e circulares a través da I+D+i, promovendo “como alicerce fundamental para a construción dunha ciencia máis xusta e equitativa a procura activa da igualdade de xénero dentro do Instituto”.
Con este compromiso e tamén para incrementar o seu impacto na sociedade, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación convocou esta primeira edición dun concurso fotográfico que “ten como obxectivo visibilizar a importancia da igualdade de xénero nas ciencias agroecolóxicas e alimentarias, así como en todas as actividades desenvolvidas no IAA, a través de imaxes que reflictan a diversidade, o respecto e a equidade no ámbito académico, laboral e social”.
600 euros en premios
As fotografías deben tratar temas relacionados coa igualdade de xénero dentro do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación ou na súa contorna en xeral, podendo abranguer desde a igualdade de oportunidades na investigación do IAA ou as mulleres na ciencia ata iniciativas ou proxectos que promovan a equidade de xénero e situacións cotiás que reflictan esta cuestión.
Ao concurso, organizado pola comisión de igualdade do instituto, poden presentarse fotografía orixinais e inéditas; en cor ou en branco e negro, cun máximo de dúas propostas por persoa. As imaxes deberán ser propiedade da persoa que as presente e ter calidade suficiente para a súa reprodución final en soportes de papel. O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 30 de setembro. Un xurado cualificará as fotografías de forma individual, valorando aspectos como a creatividade, a calidade técnica e a adecuación ao tema de igualdade. O seu fallo comunicarase antes do 20 de outubro.
En total, o certame conta con catro premios, dotados todos eles con diploma acreditativo e a publicación da imaxe nos medios do IAA. O primeiro premio está dotado ademais 250 euros; o segundo con 150 euros e os dous terceiros con 100 euros cada un. Cada persoa só terá dereito a un premio. A participación no concurso implica a aceptación destas bases e o permiso para que o IAA poida utilizar as imaxes en futuras publicacións, exposicións e redes sociais, sempre co recoñecemento explícito da autoría.
