DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na décimo quinta edición de Debut, que terá lugar o venres 18 de novembro no Pazo da Cultura

Búscanse modelos para levar á pasarela as creacións do alumnado de Esdemga

Ao longo deste mes recolleranse os datos das persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/10/2022

Concibido como un punto de encontro entre o sector profesional e os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga), o desfile de Debut volverá amosar sobre a pasarela as coleccións que o alumnado desta titulación desenvolveu como traballos de fin de mestrado (TFM). Farao o venres 18 de novembro no Pazo da Cultura, nunha xornada na que está prevista a presentación dunha decena de proxectos, que fan precisa a colaboración como modelos de preto de 50 voluntarios e voluntarias. Ao longo deste mes de outubro, as persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden inscribirse no despacho de Esdemga na Facultade de Belas Artes, onde se lles tomarán unha serie de medidas e realizaránselles unhas fotografías de cara ao proceso de selección final, que virá determinado polas características e necesidades das coleccións que se presenten no desfile.

“É unha actividade totalmente amateur, que para moitos supón a súa primeira experiencia cun mundo que ás veces chama moito a atención”, recoñece a directora de Esdemga, Lola Dopico, dunha iniciativa que nalgúns casos rematou por converterse na primeira oportunidade para desfilar de “rapaces que comezaron colaborando con nós de forma voluntaria e que logo desenvolveron a súa actividade profesional como modelos”. Fóra diso, apunta Dopico, Debut é tamén “unha experiencia moi inmersiva e divertida para eles, que failles formar parte dun proxecto, estar cos deseñadores e deseñadoras e coas súas coleccións”. As persoas interesadas en converterse en modelos por un día, poden inscribirse nestas semanas acudindo ao despacho de Esdemga, os luns en horario de 16.30 a 18.30 horas, os martes entre as 11.00 e as 13.30 horas ou os xoves en ambas franxas horarias. Así mesmo, poden obter máis información a través do correo info.esdemga@uvigo.es

“É algo bastante aberto”, sinala Dopico, que lembra que as coleccións son proxectos académicos que non responder a tallas estándar e “que ás veces necesitan xente máis alta ou máis miúda”. A falta de que os futuros titulados e tituladas realicen previamente a defensa académica dos seus TFG, prevese que en Debut 2022 conte con dez coleccións de fin de estudos, tanto masculinas como femininas, ás que se sumarán unha serie de traballos realizados o pasado ano por alumnado de primeiro curso do máster. Así mesmo, a décimo quinta edición deste desfile será tamén a primeira na que só se presenten coleccións nacidas como traballos finais do mestrado implantado en 2017, despois que na edición de 2021 se exhibisen tanto proxectos do pasado curso como unha selección dos defendidos en 2020 e que a pandemia impedira levar á pasarela, da que formaban parte tanto TFM como os últimos proxectos do antigo título propio de Esdemga, ao que substituíu este mestrado.  

O final dunha etapa formativa e o encontro cos futuros contratadores

Ademais de ser o evento no que os novos titulados e tituladas pechan unha etapa formativa, Debut complétase cada ano cunha serie de actividades, como talleres, conferencias e as Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, nas que os novos egresados e egresadas manteñen as súas primeiras entrevistas con responsables de persoal de diferentes firmas de moda. A diferencia de edicións anteriores, nas que esta xornada pechaba esta semana de actividades ao día seguinte do desfile, en 2021 tivo lugar por primeira vez no Pazo da Cultura, no propio día de Debut. “Isto permitiu que os contratadores puidesen ver as coleccións e ao alumnado falar do seu traballo con este diante e a verdade é que funcionou moi ben", sinala Dopico. Nese senso, a directora de Esdemga pon en valor “a oportunidade que é para nós que nos cedan tamén as salas de exposicións do pazo” de novo neste 2022, o que fará posible que tanto as persoas responsables de recursos humanos como o propio tribunal encargado de decidir os premios do desfile poidan coñecer as coleccións que horas despois se presentarán sobre a pasarela. Á súa vez, isto motiva tamén que o desfile pase a celebrarse o venres en lugar do xoves, coa idea de concentrar ambas actividades nun mesmo día.