DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro e o Colexio de Economistas de Ourense convocan o VI Premio de Investigación

Búscanse os mellores traballos fin de grao de Ciencias Empresarias e Turismo

O prazo para presentarse remata o 11 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/09/2018

O traballo fin de grao é para todo estudante universitario un reto. Co obxectivo de premiar ese esforzo e tamén de valorizar os mellores traballos realizados, a Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense veñen de convocar o seu VI Premio de Investigación. O prazo para presentarse remata o 11 de outubro.  

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado deste centro do campus de Ourense que presentou o seu traballo fin de grao no curso académico 2017/2018 e que acadara unha nota mínima de 9 por parte do tribunal que o avaliou. As investigacións, indícase nas bases, “deberán abordar temas relativos aos problemas económicos e de índole empresarial, sobre aspectos teóricos ou empíricos, que contribúan á análise e formación de alternativas para a súa solución”. Sen que sexa condición necesaria nin excluínte, “valorarase a súa aplicación práctica e a súa orientación cara temas vinculados coa provincia de Ourense”. O xurado os premios estará formado por representantes das dúas entidades promotoras do certame.

Entregarase un primeiro premio e dous accésits para o alumnado do Grao en Administración e Dirección de Empresas e un premio e un accésits para o do Grao en Turismo. As persoas galardoadas nas diferentes categorías recibirán como premio a publicación do seu traballo en papel, que realizará a Deputación de Ourense, e un ano de asistencia de balde aos cursos de formación impartida directamente polo Colexio de Economistas de Ourense. Ademais, as persoas galardoadas co primeiro premio recibirán unha tableta e un ano gratuíto de colexiación no Colexio de Economistas de Ourense, sempre que cumpran os requisitos para facelo.