DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus ofrece este cuadrimestre unha ampla programación deportiva

Para cada membro da comunidade universitaria, unha opción para facer exercicio

Entre as novidades están escolas de escalada, marcha nórdica, roller derby e waterpolo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/09/2018

Un curso académico máis a Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece este cuadrimestre no campus de Ourense unha ampla oferta de instalacións e actividades que teñen como obxectivo primordial fomentar a actividade física e a vida saudable entre alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador. Entre as novidades deste cuadrimestre están escolas deportivas de roller derby, que se impartirá na Casa da Xuventude, e escalada, marcha nórdica e waterpolo, que se desenvolverán no Pavillón dos Remedios.

Diversidade e personalización

Segundo explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, a programación está deseñada tanto para dar resposta ás necesidades das persoas que xa teñen incorporado o exercicio na súa práctica habitual como para atraer a novos públicos. “Este curso iniciamos a actividade con moitas novidades, principalmente no caso das escolas deportivas, onde poñemos en marcha catro novas escolas froito de convenios con entidades da cidade”, comenta Alberte Pivida. Como “actividade estrela” da programación deportiva, engade, volverá este ano a ofrecerse o servizo de adestramento personalizado en pequenos grupos. Trátase, apuntan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, dunha actividade moi demanda polos usuarios xa que lles permite enfocar a actividade física de xeito adaptado ás súas necesidades e características, con orientacións que abranguen desde o tipo de exercicios ata a nutrición.

Ao igual que en cursos anteriores, a programación deste cuadrimestre está pensada para atender tanto ás persoas que queren realizar actividade física por libre como en grupos; tanto para as que queren facer deporte de xeito puntual como ao longo do curso ou cuadrimestre e tanto para as que parten de cero como as que xa teñen unha base. A isto se engade o feito de que a programación tamén ofrece un moi amplo abano de modalidades deportivas e de instalacións dentro e fóra do campus e abonos para beneficiarse de descontos.

Dentro e fóra do campus

Dentro do campus, ademais da programación que se desenvolve na piscina universitaria AQA-Ourense, os membros da comunidade universitaria teñen á súa disposición as instalacións, como a sala de musculación, e as actividades dirixidas que hai no Pavillón de Deportes. “Nesta programación propia fixemos fincapé en fortalecer as actividades que están funcionando ben”, comenta Alberte Pivida. Así, circuit fit, ciclo indoor, ioga, artes marciais mixtas, zumba e total body serán as modalidades dirixidas que se ofertarán este primeiro cuadrimestre. Tamén no campus volverá a repetirse a programación especialmente deseñada pensando nas necesidades das mulleres posta en marcha o curso pasado. Manteranse as actividades de ioga e defensa persoal e crearase unha nova chamada Benestar Integral na que se inclúen exercicios, entre outros, de hipopresivos e solo pélvico.

No que respecta ás escolas deportivas, ademais das catro citadas novidades, tamén se manteñen as escolas deportivas, vinculadas en moitos casos a equipos do campus de Ourense, como son as de fútbol gaélico, rugby, voleibol, xadrez, atletismo, tenis e tenis infantil. Esta oferta complétase coa que se ofrece aos membros da comunidade universitaria nas entidades colaboradoras, que este curso son Sabrosura, Marbel, Dinamic, Gimnasio 2000, Saraiba, Padel Prix, Camino Pilates, Bregma, AQA e instalacións do Concello de Ourense. Nelas, os membros da comunidade universitaria poden realizar con desconto toda clase de actividades, como pilates, ioga, bailes latinos e de salón, hip-hop, defensa persoal, zumba, aerobic e un longo etcétera de opcións.

Por último, as e os amantes de camiñar poderán ao longo do curso participar nunha nova edición das rutas culturais, que arrancarán o día 20 de outubro e que unha vez máis volverán a percorrer ao longo dos meses diferentes puntos da xeografía galega e da contorna próxima. Ademais, as persoas ás que lles gusta a práctica do deporte en grupo poden apuntarse a diferentes equipos do campus.