DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus retoma a programación virtual do certame 'Docs do mes'

Cada mes, un documental social

A primeira peza que se pode ver é 'Arica', sobre o impacto de vertidos nunha localidade chilena

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/02/2022

Cada curso académico, os tres campus da Universidade de Vigo participan na iniciativa Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 cidades de toda España. No caso do campus de Ourense, desde o inicio da pandemia a programación pode seguirse de xeito virtual. A primeira das proxeccións deste 2022 será Arica, un documental que afonda nas consecuencias que tivo un vertido ilegal de residuos tóxicos nunha localidade chilena.

“Despois das vacacións de Nadal e os exames, decidimos retomar agora a nosa programación on line de Docs del Mes, que se fai de xeito paralelo ás proxeccións presenciais nos campus de Vigo e Pontevedra. Comezamos co documental Arica, que na programación do festival corresponde ao mes de xaneiro, para non perder ningunha das sesións desta edición”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. Todas aquelas persoas que desexen ver en liña este documental, sinala, deberán remitir unha solicitude ao enderezo electrónico docs-ou@uvigo.es e enviaráselle o enlace e o código necesarios para o seu visionado na rede, que estará habilitado entre o 14 e o 28 de febreiro. Este procedemento será o que se aplique cada mes para o documental correspondente.

Dos vertidos ilegais á orientación sexual

Seguindo a súa liña de compromiso social, Docs del Mes abordará nas sesións previstas ata maio temáticas como as consecuencias dos vertidos tóxicos e a presión social ligada aos canons estéticos, á transición de xénero ou á orientación sexual. A primeira proxección virtual dispoñible a través do campus de Ourense será este mes Arica, un documental no que Lard Edman e William Johansson fan balance de 15 anos de investigación sobre o vertido ilegal de residuos tóxicos realizado por unha multinacional norueguesa na cidade chilena de Arica e os efectos que tivo nas vidas da súa poboación. Seguiralle tamén en febreiro o filme brasileiro En el umbral, no que a directora Coraci Ruiz aborda desde un punto de vista autobiográfico a transición de xénero do seu fillo adolescente Noah, a través das entrevistas que lle realizou ao longo de tres anos.

Xa en marzo, poderá verse Curvy crew, un filme da cineasta e videoartista Ida Joglar, que a produtora responsable deste ciclo presenta como “un documental que rompe cos estereotipos e pon ante o espello a presión social e o reto da autoaceptación que sofren as persoas cun corpo non normativo”, neste caso a través das entrevistas a un grupo de mulleres con sobrepeso que se enfrontaron ao reto de subir o Kilimanjaro. En abril será o momento de Rock por mil: La Banda más grande del mundo. Dirixida por Anita Rivaroli, a obra aborda a “incrible historia” de Fabio, un biólogo mariño que en 2015 convenceu a mil músicos de toda Italia para reunirse en Cesena e tocar Learn to Fly, éxito de Foo Fighters, co obxectivo de convencer ao líder desa banda para que fose a tocar a esa cidade. Froito desa experiencia fundouse a banda de rock Rockin'1000. Fe y libertad: Un amor de clausura, da directora Ivana Marinić Kragić, será a peza que se poderá ver no mes de maio. O documental segue a historia de amor en común de dúas monxas novas de diferentes conventos de Croacia e a súa busca do “equilibrio entre a súa orientación sexual e a súa fe para loitar por unha relación que a sociedade croata e as comunidades relixiosas non aceptan”.