DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘Vistas adentro’ reúne en Segovia máis de 30 obras do profesor de BBAA Manolo Dimas

Cadros que buscan rachar cunha “mirada predeterminada” sobre o mundo

A mostra reúne cadros de diferentes épocas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/02/2019

“Esta exposición sostén que a experiencia humana está baseada nunha percepción global de imaxe e pensamento”. Deste xeito presenta o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Manolo Dimas Vistas adentro, a exposición que nestes meses protagoniza na Galería Fontanar de Segovia. Unha selección de máis de 30 cadros, entre os que figuran tanto creacións recentes como obras que previamente foran expostas en espazos como o Instituto Cervantes de Milán ou o Castelo de Liubliana (Eslovenia) integran unha exposición na que Dimas propón romper “coa mirada predeterminada do home sobre o mundo”, organizando o espazo “como se compuxeran un collage”, onde están presentes tanto figuras mitolóxicas, como representacións de animais ou mesmo elementos gráficos da vida cotiá.

Seleccionada na convocatoria de axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas da Universidade, a exposición que ata o 15 de marzo pode verse en Segovia articúlase a partires da selección de obras de varias épocas realizada polo galerista, que, como explica Dimas, atopou nesta serie de cadros un fío condutor e que, como destaca a galería, denotan o interese do artista pola imaxe, a historia e a iconografía. “Con elas preténdese a reflexión por parte do espectador a través da súa conexión con lugares mentais ou físicos, mediante unha linguaxe gráfico-xestual”, apunta Dimas, que recoñece expresarse “creando imaxes” e recorre nas súas obras pictóricas tanto á mitoloxía como a “produtos gráficos cotiás”, de tal xeito que nas obras poden verse debuxos inspirados “en bolsas de azucre, paquetes, etc”. 

Figura humana e natureza

Do mesmo xeito, tamén a natureza está moi presente nesta selección de obras, por exemplo, a través da representación de animais como cans, soso ou cabalos. “A natureza en xeral é unha fonte inesgotable de inspiración. Só hai que observala para sorprenderse”, sostén Dimas, quen incide en que, pese a que o ser humano é parte desa natureza, “moitas veces nos esquecemos disto”. Nese senso, o artista e docente recoñece unha “forte conexión cos animais”, que por outra banda articulan un “contraste fantástico” coas figuras humanas en varias das obras que integran estas Vistas adentro, que, por outra banda, este sábado 16 será o escenario dun concerto do músico e luthier Francisco Luengo. “Penso que figura e natureza compleméntanse, necesítanse”, engade Dimas, quen recoñece o seu interese por ollar cara “todas estas especies coas que compartimos o planeta” e quen nese senso defende a pintura como “unha maneira de ser, de relacionarse co mundo e coa natureza”.