DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último Informe de Conxuntura do Foro Económico

A caída do PIB é menor en Galicia que no conxunto de España

O descenso está propiciado entre outros aspectos por unha achega negativa da demanda interna

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 14/01/2021

“A economía galega amosa un mellor comportamento que a do conxunto do estado fronte ao impacto da pandemia da covid-19”. Esta é unha das conclusión do último Informe de Conxuntura Económica realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. Segundo os datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2020 recollidos na publicación, a comunidade autónoma presenta unha contracción do seu Produto Interior Bruto do -6,2%, fronte a -9% da media estatal, estando estes dous datos por baixo da media da Unión Europea (-4,2%).

O informe, presentado este xoves en Santiago de Compostela, está asinado polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez, Francisco Armesto e Santiago Lago, baixo a coordinación do economista e ex presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe. No documento, indícase en nota de prensa desde a entidade, sinálase que estes descensos do PIB veñen propiciados en Galicia, entre outros aspectos, por unha achega negativa tanto da demanda interna (-5,4 puntos porcentuais) como, en menor medida, da externa (-0,8). O investimento, engaden, tamén presenta unha caída interanual do 9,2 e o gasto das familias mingua un 6,9%.

Os datos

En canto á oferta, os expertos do Foro Económico de Galicia sinalan que “os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento que no conxunto de España, agás o primario”. O maior diferencial entre as taxas de variación interanual, detallan, rexístrase nas actividades profesionais, con caídas do 4,2% en Galicia e do 13,2% en España. Porén, a pesar desta leve mellora da competividade relativa da súa economía con respecto á media estatal, matizan, “Galicia mantén a súa posición intermedia baixa na clasificación de comunidades autónomas”.

No que atinxe ao emprego, desde a entidade xestionada polo Grupo Gen consideran que “o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas”. Novamente, explican, “o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo”. Asemade, engaden, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres. No extremo contrario, os expertos resaltan o incremento de asalariados e asaliariadas con contrato indefinido e os empregados e empregadas do sector público.

Galicia-Norte de Portugal

O documento dedica tamén unha ampla análise comparativa ao comportamento económico de Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Entre outros aspectos, nel saliéntase “a necesidade de favorecer o crecemento do tamaño empresarial xa que na media da Eurorrexión o 62% das empresas non ten empregado ningún”. De cara ao futuro, detallan os expertos do Foro Económico de Galicia, “son as empresas máis grandes as que xeran emprego, implantan dixitalización e impulsan a I+D+i e a competividade do territorio”. Tan só un 3,4% das empresas en Galicia e un 4,8% do norte de Portugal teñen dez ou máis asalariados, afirman.