DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“As caixas e os mapas para non perderse” de Anne Heyvaert

A profesora de Belas Artes inaugura mañá unha exposición en Madrid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Lourdes Otero DUVI 04/10/2007

Cando a vida empeza en Memphis-Tennessee, pasa por Bélxica, Francia, Luxemburgo e se detén na Galiza do Finisterrae europeo, despois de tantas viaxes e mudanzas, unha colecciona e pinta caixas de cartón e mapas”. Esta é a razón de ser da última mostra de Anne Heyvaert, profesora do departamento de debuxo da Facultade de Belas Artes, que se inaugura mañá na galería madrileña “El mono de la tinta”.
Na exposición, que poderá ser visitada ata o vindeiro 6 de novembro, Heyvaert presenta unha selección de obra gráfica realizada nos últimos anos: augafortes e outros recursos para as “caixas sobre cartón” e litografías, series e variacións para os “mapas e planos” dos múltiples lugares onde viviu e por onde viaxou.
Pero detrás do feito autobiográfico, a autora xoga coa realidade e a súa representación sobre o soporte real, e como exemplo disto, sinala Heyvaert “o detalle dunha caixa pegada dentro doutra de cartón ou, o plano dobrado estampado sobre un mapa real”.
A autora emprega o carácter multiplicador das técnicas gráficas para realizar series e variacións. Estampa os seus planos sobre mapas de diferentes lugares dentro dunha mesma edición. Os resultados efectistas o que buscan é interpelar e confundir ao espectador.
Heyvaert lembra que a historia dos mapas vai á par coa historia da arte e da estampa, e apunta que “os primitivos planos debuxados con moito decorandum, foron despois estampados por medio do gravado e da litografía; pero ademais foron a miúdo representados na arte, como nos íntimos interiores de Vermeer, metáforas de aventuras exteriores”.
Nun tempo no que dominan as imaxes por satélite e os GPS como guía nas viaxes, esta obra invita, como a propia autora apunta, “ao recordo de experiencias viaxeiras”.

Anne Heyvaert

A artista, ademais de ser profesora de gravado na Facultade de Belas Artes, tamén imparte docencia na Fundación CIEC de Betanzos. Participou en mostras individuais e colectivas en España e numerosos países do estranxeiro como China, Dinamarca ou Bélxica, entre outros.
Heyvaert foi seleccionada, en numerosos certames de gráfica nacionais e internacionais, nos que acadou diversos premios.