DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As pezas de compositoras contemporáneas centraron a apertura do festival internacional de Vertixe So

Un calidoscopio musical para reivindicar a creación en feminino

No concerto celebrado no Pazo da Cultura a música viuse complementada pola poesía de María do Cebrei

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 14/10/2016

Reivindicar a diversidade da creación feminina na música contemporánea era o propósito central do concerto co que Vertixe Sonora abriu na noite deste xoves no Pazo da Cultura a cuarta edición do seu Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea. Baixo o título de Coma espellos dun calidoscopio, o recital que contou co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo combinou a interpretación dun repertorio composto por diferentes pezas de compositoras contemporáneas co recitado de poemas inéditos, especialmente concibidos para este evento, por parte da poetisa María do Cebreiro.

A compositora rusa Elena Rykova, residente en Harvard, e a compositora brasileira Michelle Agnés, residente no Ircam de París, foron as encargas da selección das pezas ás que Vertixe Sonora Ensemble puxo son na sala de exposicións do pazo, nun concerto que se abriu coa composición para violín Just a little shine, de Anna Romashkova. The square of yellow light that is your window, de Ann Cleare; Studies in resonance II, de Elo Masing; Lai de biscoclet, de Tania Lanfer; e Noch de Daniela Fantechi completaron o programa dunha actuación dedicada a reivindicar o talento de diferentes compositoras en activo.

Pontevedra, punto de arranque do festival

Con esta actuación, Vertixe Sonora daba inicio a un festival que, tras celebrar as súas tres primeiras edicións integramente en Vigo, suma neste 2016 a Pontevedra como sede, coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello. Así, entre as oito actuacións que integran o resto do programa, figuran outros tres concertos na cidade do Lérez; Tombeau et double, o 28 de outubro; Voci Vicine, o 5 de novembro; e Entropías, o 27 de novembro.

Así mesmo, a colaboración entre a institución académica e Vertixe Sonora tamén se traduce nestas semanas no ciclo Da arte sonora e da música contemporánea, que nas xornadas de mércores e xoves achegou á Facultade de Belas Artes a Michelle Agnés, protagonista dun seminario sobre creatividade sonora, no que esta pianista e compositora tratou de achegar aos participantes ao proceso de creación a través de actividades baseadas na percepción musical, a discusión en grupo e a improvisación colectiva libre.