DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe o investigador José María Fernández, nunha tese centrada nos incendios de copa

O cambio climático fará aumentar no interior de Galicia os lumes forestais de maior intensidade

As masas de piñeiros silvestres son as máis propensas a sufrir este fenómeno de alto impacto económi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 24/11/2015

Caracterizados pola intensidade dunhas lapas capaces de ir saltando de árbore en árbore para rapidamente afectar a grandes extensións de terreo, os chamados 'lumes de copa' constitúen un tipo de incendio forestal marcado polo seu “alto impacto ecolóxico e económico”, como salienta o investigador José María Fernández, que centrou nesta clase de lumes a súa tese de doutoramento, defendida na Escola de Enxeñaría Forestal. Ademais de propor unha serie de medidas que permitirían unha mellor prevención fronte a este tipo de incendios, o estudo de Fernández permitiu tamén identificar os puntos nos que este tipo de lumes son máis probables, como as masas de piñeiro silvestre, as zonas de maior altitude e diferentes puntos do interior de Galicia, onde “baixo un escenario de cambio climático”, como sinala Fernández, “é previsible” que estes lumes “ocorran cunha maior incidencia nun futuro”.

“Este tipo de lume dáse cando temos un incendio na superficie do bosque que chega a unha intensidade suficiente como para prender na copa dunha árbore”, relata este investigador, que no marco do programa de tecnoloxía medioambiental da Universidade, desenvolveu a súa investigación no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, baixo a dirección de José Antonio Vega. Deste xeito, unha vez o lume que se iniciou nos matos ou na follaxe prende unha primeira copa, “se se dan as condicións de vento precisas, propágase de árbore en árbore, queimándoas na súa totalidade e chegando a afectar a grandes extensións de terreo”. Trátase pois dun tipo de lume forestal que se caracteriza “polo seu maior impacto económico, por supor un maior risco para os núcleos de poboación, pola dificultade da súa extinción, debido ao seu comportamento extremo e en ocasións errático, e polo seu altísimo impacto ecolóxico”, como sinala Fernández que, non obstante, recoñece que a pesares disto, esta tipoloxía de incendios forestais non esta aínda o suficientemente estudada.

Un fenómeno que se agravará co tempo

Co propósito de afondar nas súas características e condicionantes, Fernández centrou a súa tese Condicións de inicio e propagación dos lumes de copa en masas de piñeirais na análise dos combustibles forestais e dos factores topográficos ou meteorolóxicos que incrementan a probabilidade de sufrir uns lumes “de alto impacto” na que é, “xunto co norte de Portugal, a rexión europea con maior incidencia de incendios forestais”. Así, a través dunha “combinación de datos espaciais, modelos de simulación e técnicas xeoestatísticas”, a súa investigación permitiu detectar a varios niveis as áreas de Galicia, “máis susceptibles” de sufriren este fenómeno.

Deste xeito, Fernández apunta, nunha escala máis ampla, aos piñeirais existentes nas zonas de montaña de Ourense e do sur de Lugo como os puntos de Galicia máis propensos a sufrir un tipo de incendios, que é previsible sexan cada vez máis frecuentes, “debido ao cambio climático, máis notable no interior de Galicia”. Neste senso, este investigador incide en que, en comparación coas zonas costeiras do país, o interior atopábase xa nunha “situación de partida máis desfavorable, pola influencia mediterránea do seu clima”, mais, a “tendencia ascendente” das temperaturas” rexistrada nos últimos anos fan que “os índice de risco de incendio vanse ir agravando no interior de Galicia co paso do tempo”, como conclúe este investigador, que alerta na súa tese dese “escenario con maior recorrencia dos lumes de copa”. Un escenario que vén motivado polo “empeoramento da meteoroloxía”, ao que se suman factores como o proceso de abandono do rural, “coa conseguinte acumulación de combustibles forestais”, é dicir, de vexetación susceptible de arder e provocar lumes en masas forestais como os piñeirais, que “nesta comunidade supoñen un prezado ben económico, ambiental e social”.

Noutra escala, Fernández apunta aos piñeiros silvestres, unha especie caracterizada pola cortiza de ton vermello, como as masas forestais con maior perigo de sufrir lumes de copa. Trátase, como apunta, dun tipo de árbore “tamén coñecida como piñeiro rubio, que se dá xeralmente en zonas de maior altitude”, nas que a forza do vento contribúe en maior medida á propagación das lapas. “Nunha escala de medio detalle, dentro dun mesmo monte, as zonas máis vulnerables apareceron en áreas onde a velocidade do vento tende a ser maior e as árbores teñen unha menor altura, así como nos terreos solleiros”, engade.

Da detección á prevención

O feito de identificar na súa tese as zonas máis sensibles a este tipo de lumes, “tanto a unha escala autonómica, como paisaxística e dentro do propio monte”, permite dotarse dunha serie de criterios cos que poder planificar as tarefas de prevención fronte aos lumes de copa. Nese senso, Fernández propón na súa tese unha serie de ferramentas “que, dun xeito sinxelo, permiten estimar cales son as características desas masas e o seu risco potencial de sufrir un lume de copa”.

Nese senso, a instalación dunha serie de “dispositivos experimentais” para recoller información destes lumes, permitiu a Fernández comprobar a eficacia dos tratamentos preventivos. Concretamente, o traballo realizado de “roza do mato que medra baixos os piñeiros, corta das árbores máis pequenas e poda dos exemplares máis grandes, seguido dun triturado dos restos” rematou amosándose como “unha medida eficaz para previr este tipo de lumes”, xa que as masas forestais nas que se levou a cabo amosaron unha “mellor resistencia a un incendio”, relata.