DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Neste eido centra o seu traballo o grupo de investigación Future Oceans Lab

O cambio climático provoca a redistribución de especies pesqueiras

Xerando efectos no benestar e seguridade alimentaria das sociedades humanas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/06/2018

A comunidade científica internacional coincide en cualificar como irrefutable que o cambio climático está afectando aos animais mariños. Dende corais con dificultades para construír os seus esqueletos, ata atúns e salmóns que adiantan as migracións ou poboacións de krill antártico que diminúen mentres aumentan as de peixes tropicais. E é que os organismos vivos teñen tres opcións: adaptarse, moverse ou extinguirse. Na segunda destas opcións é na que centra o seu traballo o Future Oceans Lab, liderado por Elena Ojea. A tamén investigadora deste grupo, Alba Aguión, explica nun artigo que aínda que “os rangos xeográficos das especies son dinámicos e varían co tempo, o cambio climático está causando unha redistribución significativa das especies a nivel mundial”. Así, do mesmo xeito que algúns animais terrestres se moven á montaña escapando do calor, “moitos peixes descenden en profundidade buscando augas frías ou abandonan as augas do Ecuador para desprazarse a latitudes máis próximas aos polos”. Pero esta redistribución dos ecosistemas e comunidades biolóxicas tamén está a ter efectos no benestar e seguridade alimentaria das sociedades humanas.

O impacto na pesca

Future Oceans Lab centra as súas investigacións nas consecuencias do cambio climático no océano. Como explica Alba Aguión, “a redistribución animal provoca importantes consecuencias para a pesca, sector do que dependen uns 520 millóns de persoas (un 8 % da poboación mundial) segundo os datos da FAO do 2011”. A investigadora apunta varios exemplos desta redistribución. Por exemplo, como resposta ás elevadas temperaturas, case dous terzos das especies do mar do Norte sufriron cambios de latitude ou profundidade en menos de 25 anos. Tamén se refire ás augas de Corea, do estreito de Bering e do nordeste de Estados Unidos, “onde se detectaron cambios latitudinais importantes en diversas especies de interese pesqueiro”. Tamén no norte do golfo de México se rexistraron extincións e invasións que semellan estar relacionadas co cambio climático. Non obstante, explica Aguión, “nun contexto de redistribución non todo son perdas e, no mar do Norte, por exemplo, a maior abundancia de peixes de climas cálidos como a robaliza ou o salmonete de rocha creou novas oportunidades para o sector”. 

Previsións de futuro 

De cara ao futuro, os investigadores do Future Oceans Lab adiantan que as zonas xeográficas que sufran os cambios climáticos máis bruscos e que teñan especies con menores rangos de tolerancia “serán máis proclives a experimentar elevados porcentaxes de redistribución”. Porén, sosteñen que isto non implica que as súas flotas pesqueiras sexan as máis afectadas, xa que países como China, Taiwán, Xapón, Corea do Sur e España, que acumulan máis do 80% das horas de pesca rexistradas en alta mar, é dicir, máis aló da súa zona económica exclusiva no 2016, serán “susceptibles a sufrir impactos económicos por redistribución de stocks lonxe das súas costas”, explican.

Outra das consecuencias do movemento das especies pesqueiras e polo tanto das flotas, será o incremento de conflitos no reparto das cotas entre países. Exemplo disto é o enfrontamento entre Islandia e illas Feroe con Reino Unido derivado do  movemento da rincha cara as augas frías dos primeiros países. Ademais, lembra Aguión, a redistribución de stocks agárdase que diminúa a eficacia das ferramentas de xestión deseñadas sen considerar os impactos do cambio climático. “Un bo exemplo son as áreas mariñas protexidas, xa que unha reserva creada hoxe para conservar unha especie determinada ou fomentar a pesca en zonas adxacentes é moi probable que no futuro non sexa efectiva se os stocks a abandonan para migrar cara zonas frías”.

As respostas dende a ciencia

Fronte a todos estes retos, a resposta para facer fronte ao impacto de cambio climático ten que vir dende a ciencia, no caso de Future Oceans Labs investigando o seu impacto nos stocks e comunidades pesqueiras e as posibles medidas a tomar. Neste contexto, os investigadores do grupo remarcan a necesidade de realizar estudos biofísicos sobre a relocalización dos stocks e sobre os posibles mecanismos e medidas de adaptación que as flotas e gobernos poidan tomar. 

Neste sentido, á hora de prever cales serán os países máis vulnerables aos impactos do cambio climático, “a hipótese principal é que as flotas tecnoloxicamente máis avanzadas, propias de países ricos, conten con maiores capacidades de adaptación, movéndose a novas zonas de pesca a través de acordos con outros países ou cambiando as súas artes”. O caso contrario, o das flotas domésticas como as das illas do Pacífico, “que limitan a súa actividade á zona económica exclusiva do seu país, agárdase que conten con menores capacidades de axuste”. Precisamente, as áreas tropicais e do hemisferio sur son as zonas menos estudadas no que se refire á redistribución das especies mariñas comerciais, a pesar de seren as zonas máis vulnerables pola súa proximidade ao Ecuador. Son, explica Aguión, “propensas a sufrir as maiores migracións debido ás altas temperaturas e ademais, contando con pouca capacidade para facer fronte a estes impactos, o que pon de manifesto a urxencia de realizar investigacións biofísicas e de políticas de adaptación en ditas zonas”, conclúe.