DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 12 de marzo

O Camiño Augas Sacras, próximo destino das rutas culturais da UVigo

A inscrición está aberta ás persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 09/03/2022

O Camiño Augas Sacras, na Ribeira Sacra, será o destino da sétima andaina que organiza neste segundo cuadrimestre a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Con ela dáse continuidade a unha programación que nesta ocasión está centrada na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela, coincidindo coa conmemoración de 2022 como Ano Xacobeo.

O roteiro, con 18 quilómetros de percorrido e dificultade media, arrancará en Castro Caldelas e rematará en Doade (Sober), cunha cata de viños da zona. “A fermosura da Ribeira Sacra é coñecida, pero non todo o mundo sabe que a atravesa unha ruta de peregrinación bautizada como Camiño Augas Sacras. Un percorrido que aproveita parte da calzada romana Via Nova, sendo unha alternativa cómoda ao impoñente Cebreiro”, explican desde a organización. As previsións meteorolóxicas apuntan a que haberá un día primaveral con nubes, claros e incluso algo de auga.

Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición teñen prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela. Así, a inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Rutas pendentes

Tras esta andaina, a programación continuará o 26 de marzo polo Camiño Francés, “ruta na que conflúen a maioría de vías medievais de peregrinación europea”. A andaina arrancará “nunha das mellores obras de arquitectura civil de todo o percorrido dende Francia, a ponte sobre o río Furelos” e continuará polas Terras de Melide ata chegar a Arzúa, nun itinerario de dificultade baixa de 20 quilómetros entre O Leboreiro, Melide e Arzúa. As rutas culturais deste curso rematarán o 9 de abril, polo Camiño Fisterra-Muxía. Partindo da vila coruñesa de Cee e pasando por Corcubión, as e os participantes chegarán a Fisterra despois de percorrer os 18 quilómetros que configuran esta etapa.