DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo MP1 analiza o patrimonio literario asociado a esta antiga ruta de peregrinación

O Camiño Miñoto Ribeiro súmase ao proxecto europeo rurAllure

Asinouse un convenio coa asociación que agrupa os concellos polos que transcorre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/04/2022

A divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa é o obxectivo central do proxecto europeo rurAllure, que lidera a Universidade de Vigo e no que participan 15 institucións e empresas de seis países europeos. Un dos catro proxectos piloto que abrangue a iniciativa coordinada polo investigador de altanTTic Martín López Nores ten como eixo o patrimonio literario dos camiños de Santiago e nel rurAllure suma a participación do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública (MP1) da Facultade de Fisioterapia, que se encarga de reunir a información relativa ao patrimonio do Camiño Miñoto Ribeiro, unha antiga ruta de peregrinación a Compostela desde o sur da provincia de Ourense. Con ese obxectivo, o grupo que coordina a profesora Lourdes Maceiras promoveu a sinatura dun convenio de colaboración entre rurAllure e a Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, que agrupa os concellos polos que transcorre esta ruta arredor da que, como explica, levantáronse no seu día hospitais medievais e lazaretos e que era empregada polas persoas enfermas de lepra para chegar a Compostela.

Coa sinatura deste convenio por parte do alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, a asociación converteuse en “socio asociado” de rurAllure, un proxecto financiado con tres millóns de euros polo programa H2020 da Unión Europea e que busca pór en valor o patrimonio rural que rodea ás grandes vías de peregrinación, buscando ampliar as experiencias daqueles e aquelas que as atravesan achegándolles a oferta cultural das áreas próximas a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. Nese propósito, o grupo MP1 traballa coa asociación na identificación do patrimonio cultural ligado a un camiño que non ten a consideración de oficial de ruta xacobea e que enlaza o norte de Portugal con Compostela, atravesando os concellos galegos de Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Castrelo de Miño, Ribadavia, Beade, Leiro, O Carballiño, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e Boqueixón. 

O legado literario da ruta

"O noso traballo vai ser identificar unha serie de puntos de interese no camiño”, apunta Maceiras, que lembra que o grupo traballa desde 2008 na posta en valor do patrimonio natural e cultural dunha ruta na que “hai multitude de afloramentos termais medicinais”, un labor que deu pé a traballos como a guía A saúde os seus coidados no camiño miñoto ribeiro, publicada o pasado ano pola Área de Normalización Lingüística da UVigo. No caso de rurAllure, o eixo temático do proxecto piloto no que se insire o Camiño de Santiago é o patrimonio literario, “tanto o que está escrito como o que procede da tradición oral”, como sinala Maceiras. Neste ámbito centra actualmente o seu traballo o grupo MP1, que conta coa colaboración dos concellos que forman parte da asociación, “que en moitos dos casos xa teñen recollido o seu patrimonio literario”. Nese senso, Maceiras lembra que o Camiño Miñoto Ribeiro atravesa municipios como Boborás, “onde está a Casa Museo de Antón Losada Diéguez”, ou Cortegada, “onde está enterrado Fermín Bouza Brey”. Así mesmo, a ruta pasa no Carballiño por diante do Pazo de Banga, no que residiu Emilia Pardo Bazán, ao que se suman outras posibles achegas como “os libros e contos arraianos” que se poden vincular a unha ruta que conecta Galicia con Portugal.