DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A plataforma liderada pola UVigo potencia o patrimonio rural nas rutas de peregrinación

O Camiño Xacobeo de San Rosendo incorpórase a rurAllure

A variante do sur da provincia de Ourense segue os pasos da Rainha Santa desde Braga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 07/07/2022

rurAllure, plataforma que pretende pór en valor o patrimonio rural e axudar a viaxar ás e aos peregrinos de todos os camiños de Europa, vén de incorporar un novo socio, a Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa, unha variante do sur da provincia de Ourense que parte de Braga e enlaza en Ourense coa Vía da Prata. Liderado pola Universidade de Vigo, rurAllure é un proxecto H2020 financiado con tres millóns de euros. Coordinado polo investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) e docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Martín López Nores, conta tamén co apoio da Facultade de Historia do campus de Ourense a través da súa profesora Susana Reboreda, investigadora principal da área de Ciencias da Antigüidade do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo.

O coordinador de rurAllure amosa a súa satisfacción por esta nova incorporación, coa que xa ascenden a 50 as entidades e organismos de 11 países (ademais de España e Portugal, atópase Italia, Hungría, Noruega, Eslovaquia, Austria, Alemaña, Romanía, Reino Unido e Francia) unidas á iniciativa. “O que pretendemos é crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño. Trátase de fomentar que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio”. No caso do ramal do Camiño de San Rosendo, López Nores explica que “segue os pasos da Rainha Santa que partiu da sé de Braga, nun trazado cheo de riqueza no que o peregrino descobre o legado dos romanos, a reserva do Biosfera Transfronteiriza Geres-Xurés, ata a vila de Celanova, fundada por San Rosendo e que ademais do seu patrimonio arquitectónico destaca polo literario, xa que foi berce de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín”.

Na actualidade, explica o seu responsable, rurAllure está a probar a primeira versión da súa plataforma dixital con catro pilotos correspondentes aos camiños con destino a Santiago, Roma, Trondheim (Noruega) e Csíksomlyó (Romanía). En 2023 a plataforma estará rematada con audio-guías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes dispoñibles para os desprazamentos… converténdose "nun xestor de contidos único e homoxéneo" para todos os camiños de Europa. “Non hai unha tecnoloxía igual aplicada a este tipo de experiencias de viaxe”, conclúe Martín López.