DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase nos campus de Ourense e A Coruña

O campamento de verán Aldaba-TIC Camp fomentará as vocacións STEM con perspectiva de xénero

Destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Igualdade
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 18/05/2023

En setembro de 2019, as universidades de Vigo e A Coruña e a empresa Aldaba puxeron en marcha a Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a academia e a empresa. Entre as súas iniciativas, este verán desenvolverán un campamento tecnolóxico para nenas e nenos na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e na Facultade de Informática da Coruña destinado a para fomentar as vocacións STEM e contribuír á igualdade de xénero neste eido.

Este xoves tivo lugar na Coruña a sinatura do acordo de colaboración entre a cátedra e o Consello Social da Universidade da Coruña para a posta en marcha deste Aldaba-TIC Camp. No acto participaron o presidente deste consello social, Antonio Abril, e as codirectoras da cátedra na UDC e UVigo respectivamente, Virginia Mato e Alma María Gómez. Estas últimas quixeron subliñar e agradecer o apoio recibido para levar a cabo esta iniciativa por parte das entidades implicadas nela. 

Preparar unha "misión" a Marte

As responsables da cátedra salientaron a súa satisfacción por presentar este campamento, do que destacaron que se “planifica como un modo de abordar unha das liñas estratéxicas da Cátedra Aldaba-WIB: incrementar a presenza feminina no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC)”. As carreiras TIC, e especialmente a enxeñaría informática, indicaron, “teñen unha moi baixa presenza feminina que non fai máis que diminuír nos últimos anos: mentres que as estudantes de Informática eran aproximadamente un 35% do total nos anos 90, agora mesmo están por baixo do 20%. Isto implica que nos estamos perdendo o talento de todas estas mulleres e que a tecnoloxía do futuro podería estar nesgada ao faltar a visión das mulleres na súa construción”. Neste contexto, sinalaron que “moitos estudos determinan que os nenos e nenas teñen un interese similar pola tecnoloxía e as matemáticas ata aproximadamente os 6-8 anos. A partir deste punto, as nenas comezan a perder interese e a sentirse menos capacitadas en matemáticas e tecnoloxía (aínda que os resultados académicos no campo son iguais en nenos e nenas)”.

O campamento Aldaba-TIC Camp desenvolverase nos campus de Ourense e A Coruña na última semana de xuño (do 26 a 30) en horario de 9 a 14 horas, con servizos opcionais de madrugadores e comedor. Será impartido por monitoras y monitores de PlayCodeAcademy e contará coa participación das investigadoras Patricia Concheiro e Carmen Miranda (UDC) e Lorena Otero e María Encarnación González (UVigo). Está destinado a nenas e nenos entre os 6 e os 12 anos e, aínda que é mixto, dáse prioridade ás nenas cunha reserva de prazas do 80% do total. Os talleres do campamento, que xoga coa idea de preparar unha misión para viaxar a Marte, estarán adaptados por idades pero entre as actividades que se propoñen están adestrar drons de recoñecemento, programar aplicacións de interacción e robots e fabricar un foguete e ferramentas 3D. Para conseguilo, as e os rapaces utilizarán ferramentas como Lego, Arduino, Scratch, impresoras 3D ou kits de robótica. O obxectivo último é espertar e desenvolver nas e nos participantes o interese pola tecnoloxía e que a consideren algo atractivo e próxima, ademais de comprobar a súa utilidade.

Prazas esgotadas

Desde a organización da actividade destacan a súa boa acollida de partida, esgotándose as prazas dispoñibles nos dos campus aos poucos días da apertura da inscrición. “Recibimos ademais un gran número de consultas, polo que cremos que, ao menos pola acollida das familias, xa está sendo un éxito. Isto tamén é moi importante para nós”, xa que, lembran as codirectoras da cátedra, se as familias incentivan ás rapazas a interesarse por estudar Informática “teremos un futuro moito máis igualitario na profesión e todos sairemos gañando”.