DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrou actividades divulgativas con estas temáticas

Campamentos ‘maker’ e charlas sobre ciberseguridade e empregabilidade complementan a actividade da ESEI

Dirixidas a diferentes colectivos de interese, desde nenas e nenos ata profesionais do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 05/07/2022

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) celebrou nos últimos días diversas actividades de divulgación que tiveron como eixes temáticos o emprendemento `maker’, a ciberseguridade e a empregabilidade e que estiveron destinadas a diferentes colectivos de interese, desde nenas e nenos ata profesionais do sector.

O sábado día 2 pechouse a segunda edición dos campamentos 'makers' para novos e novas creadores organizados polo Concello de Ourense e a ESEI e que contaron coa participación de máis de 50 rapazas e rapaces (en dous grupos). Elas e les puideron coñecer de primeira man e introducirse no mundo ‘maker’, achegarse dun xeito lúdico e práctico á programación, deseño e impresión 3D, videoxogos e robótica fomentando que este colectivo, ademais de consumidores de tecnoloxía, sexan no futuro creadores dela. A iniciativa formou parte do proxecto Emprende Makers, aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Liderado polo Concello de Ourense, ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho. A iniciativa pretende crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexion Galicia-norte de Portugal que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa.

Para profesionais e futuros profesionais

Ademais, o pasado xoves a Escola Superior de Enxeñaría Informática acolleu o primeiro encontro en Ourense da actividade Hack & Beers, “onde se reúne a comunidade de ciberseguridade para debater sobre un tema específico e poder traballar en relacións de networking entre os membros desta comunidade. Na cita participaron Claudio Chifa (@ClaudioChn), que ofreceu unha charla sobre ciberseguridade titulada Mirando a Cuenca - seguridade de apps e intelixencia baseada en anuncios; Efrén Varón, garda civil encargado de labores de investigación de delitos relacionados coas novas tecnoloxías-TICs no ámbito da seguridade cidadá, que ofreceu a conferencia Enxeñaría Social, e Juan González Martínez, director de Seguridade e Privacidade de Gradiant, que falou de Vulnerabilidades Crypto.

Por último, o pasado venres a ESEI acolleu unha conferencia e mesa redonda posterior sobre as saídas laborais no mundo da ciberseguridade co título de Traballando nun mundo hiperconectado. Que demanda o mercado?. Nela, Claudio Chifa, Álvaro Fernández de Araoz, Álvaro de Gracia, Fernando Mairata e Ricardo Barrasa, principalmente colaboradores da empresa de ciberseguridade e auditoría DLT Code, explicaron ás e aos asistentes a súa experiencia neste sector.