Os conselleiros de Cultura e Medio Ambiente visitaron os traballos realizados polo grupo GEAAT
A campaña arqueolóxica en Ons confirma que o Castelo dos Mouros estivo densamente poboado tanto na época castrexa como na romana
Tras descubrirse vivendas da Idade de Ferro e construcións romanas fóra da muralla do castro
Nas últimas semanas, investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolveron unha nova campaña arqueolóxica en Ons, no castro do Castelo dos Mouros, que deixa un conxunto de achados que confirman que esta área estivo densamente poboada tanto na época castrexa, como na romana. Desenvolvida co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, esta intervención permitiu atopar tres cabanas castrexas na terraza inferior do castro, así como localizar parte dun edificio de época romana fóra da muralla, o que fai prever que este asentamento se estendía ata as fábricas de salga atopadas na praia de O Canexol.
Os resultados dunha intervención que permitiu obter novos datos sobre a ocupación deste espazo entre os séculos IV a.C. e V d.C. foron abordados na visita que este xoves realizaban a Ons a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. O director científico da campaña, Adolfo Fernández, a directora dos traballos de arqueoloxía, Alba Rodríguez, e a investigadora Patricia Valle encargáronse de presentarlles os resultados dunha campaña que permitiu tamén atopar 109 moedas de bronce, probablemente do século IV d.C, que se suman ás máis de 300 atopadas en anteriores escavacións nun xacemento no que o Laboratorio de Arqueoloxía da UVigo realizou diferentes traballos desde 2021.
Un espazo habitado ao longo de nove séculos
Nesta campaña retomáronse os traballos na terraza inferior do castro, á vez que se abría unha nova zona de escavación na ladeira e os resultados da intervención achegan “importantes novidades” respecto de como se foi sucedendo a ocupación deste espazo ao longo de nove séculos. Estes traballos, salienta Rodríguez, permitiron constatar que o Castelo dos Mouros estivo “densamente poboado” tanto na época romana como durante a Idade de Ferro, mais con “estratexias de poboamento diferentes”, posto que se ben “os castrexos ocupan todo o espazo dentro da muralla”, os asentamentos romanos concéntranse na parte baixa e na ladeira que descende ata O Canexol, onde intervencións previas permitiron identificar os restos de fábricas de salgadura de peixe.
Os traballos realizados permitiron constatar “a construción de muros que permiten acondicionar terrazas para asentar as estruturas”, explica Rodríguez. Nese senso, na que sería a “terraza intermedia” do castro as sondaxes realizadas permitiron confirmar a presenza de “dúas cabanas redondeadas da Idade do ferro”, así como de diferentes materiais do século I a.C. Pola contra, ata o de agora non se atoparon nesta zona nin materiais nin construcións de época romana, explican os investigadores e investigadoras da Facultade de Historia.
Xa na que sería a terraza inferior, atopáronse “tres cabanas castrexas ás que se superpón unha gran estancia de época romana”, o que constitúe un importante achado á hora de “comprender como se suceden as ocupación do castro e como se reaproveitan as estruturas”, salienta Rodríguez.
Tres momentos de ocupación
Por outra banda, a sondaxe realizada na contorna da muralla permitiu constatar a existencia de “tres primeiros momentos de ocupación”. En primeiro termo, sitúase a construción da muralla, anterior ás construcións castrexas, o que fai pensar que a poboación residía no seu interior en “construcións con materiais perecedoiros”. Un segundo momento sería “cando se constrúen as cabanas castrexas”, sobre as que posteriormente se levanta a casa romana. Ademais, estea sondaxe levou a localizar tamén, fóra da muralla, “unha pequena parte dun edificio de época romana”, o que fai pensar que o asentamento estendíase nesta época máis aló do castro, chegando ata as fábricas da praia.
A intervención permitiu así mesmo obter “un numeroso conxunto de materiais arqueolóxicos, que inclúen ánforas, cerámicas comúns, cerámicas finas, obxectos de bronce e ferro”, que contribuirán tamén a caracterizar as diferentes fases de ocupación do castro, así como os contactos comerciais da illa, xa que localizáronse restos de ánforas de diferentes procedencias. Por outra, banda, localizáronse numerosos ósos de animais e cunchas, que serán enviados á Universidad de León, “para obter máis datos sobre a alimentación dos habitantes do castro”.
Tras a escavación, esta campaña completarase no mes de xuño cos traballos de conservación e restauración, a cargo de Marta Lago. Tamén en xuño, os días 23 e 26, terán lugar dúas visitas guiadas ao castro, en colaboración cos guías do Parque Nacional, que permitirán coñecer o xacemento e as novidades desta campaña da man dos investigadores da UVigo.