DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Saúde, sexualidade e xénero analiza as preto de 4000 publicacións desta campaña do Concello

A campaña '#PrimAcoso' dá pé a un estudo pioneiro sobre a denuncia en redes sociais de casos de acoso

As conclusións presentaranse dentro dos actos do 25N

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/06/2018

Dentro da programación do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia Machista, o Concello de Pontevedra impulsou en 2016 a campaña #PrimAcoso, que convidaba ás mulleres a denunciar publicamente, a través das redes sociais, a primeira experiencia de acoso e violencia sexual que sufriran. Aquela iniciativa deu lugar a preto de 4000 publicacións en Twitter e Facebook que actualmente están a ser analizadas polo grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero, que coordina a profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense María Lameiras, nun estudo pioneiro respecto do uso destas redes como plataformas nas que identificar e visibilizar este tipo de violencias. As conclusións do estudo, que Lameiras desenvolve xunto ás investigadoras María Victoria Carrera e Yolanda Rodríguez e na que o abuso sexual infantil amósase como a situación maioritaria en canto á primeira experiencia de violencia sexual vivida, presentaranse no marco dos actos do 25N, segundo anunciaron este luns en rolda de prensa a concelleira de Igualdade Carme Fouces, e a coordinadora da investigación.

Un estudo pioneiro en Galicia

Identificar, a través dos hastag #PrimAcoso, a primeira situación de acoso “que indefectiblemente sufrimos todas as mulleres”, para así “tentar abrir esa fenda escura na que moitas veces están agochadas as violencias contra as mulleres e sobre todo as violencias sexuais”, constituía, como explicou Fouces, o eixo dunha “campaña moi novidosa”, desenvolvida ao longo de tres semanas en novembro 2016. Campaña que quería pór o foco “na base da pirámide a partir da que se edifica toda a violencia contra as mulleres” e que permitiu reunir unha información coa que era preciso facer “un estudo profundo e serio” que permitise a extracción dunha serie de conclusión “fundamentais para despois poder tomar decisións políticas”, explicou a edil

A través dun convenio, o Concello encomendou este traballo ao grupo de investigación que coordina Lameiras, que desenvolve un “estudo pioneiro na nosa comunidade” respecto do uso das redes sociais como ferramenta para identificar este tipo de violencias. “Lamentablemente a violencia sexual non é algo novidoso”, lembrou Lameiras, quen incidiu en que diferentes investigacións teñen abordado esta problemática a través de cuestionarios ou entrevistas a vítimas. Mais neste caso a fonte de información son as propias redes sociais, concretamente as preto de 3000 publicacións recollidas en Twitter e outras 1000 procedentes de Facebook, que permiten, a través dunha análise cualitativa, analizar as “ideas, expresións e experiencias” relatadas polas vítimas nas súas propias palabras.

Múltiples categorías de análise

Mediante o uso do programa informático de análise cualitativa Atlas.ti, as investigadoras traballan na “triangulación” de toda a información recollida co propósito de que permita unha agrupación de información, “para despois traballar desde os coñecementos que temos desta problemática”. Nese senso, o estudo que actualmente se atopa na fase de interpretación, discusión e redacción das conclusións, permitiulles definir unha serie de categorías coas que poder analizar estes datos, sendo as “categorías primarias” as que definen “os distintos tipos de abuso”. Neste punto, o abuso sexual infantil, amósase como maioritario entre as persoas que responderon a este hastag, explicou Lameiras, que sinalou que “o máis frecuente é que esa primeira experiencia se produza na infancia”. O bullying sexual, o acoso sexual e o acoso por razón de sexo, aquel que ten que ver coa identidade, “o acoso por ser muller, que desde que nacemos vivimos ás veces de forma ben hostil e outras de forma máis sutil”, pero tamén o que padecen persoas homosexuais, transexuais ou intersexuais, son outras das categorías recollidas no estudo, explicou Lameiras.

A partires do tipo de acoso, establécense tamén outro tipo de categorías que abordan desde a idade na que tivo lugar esta experiencia, ao momento do día no que se produciu, se tivo lugar nun espazo público ou privado, a duración dos abusos ou a identificación do agresor, se está é unha persoa coñecida ou descoñecida. Xunto a estas categorías de análise abórdanse así mesmo factores como os “sentimentos das vítimas”, que van da incomprensión, malestar, impotencia ou rabia á culpabilidade, que, como denunciou Lameiras supón unha “revitimización” das mulleres que sufriron acoso ou abuso. A análise inclúe tamén a reacción das vítimas, coñecer se esta foi activa ou pasiva, sendo esta última, apuntou Lameiras, “unha reacción moi frecuente nunha situación de violencia sexual, porque o primeiro que se pode producir é un bloqueo por estar vivindo unha experiencia deste tipo, tan impactante desde o punto de vista físico e psicolóxico”. 

Así mesmo, entre as categorías de análise figura tamén a reacción dos homes a unha campaña que reuníu tanto comentarios que denotan “actitudes positivas” como outros que supoñen “provocación, insultos e machismo”.