DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os carriños estarán situados na entrada dos principais edificios do campus

A campaña solidaria do Nadal busca doazóns de alimentos, xoguetes e libros

A recollida realizarase ata o 14 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/11/2019

Un ano máis o campus de Ourense únese á recollida solidaria de alimentos, xoguetes e libros para axudar ás familias máis necesitadas a ter un mellor Nadal. Os carriños solidarios estarán situados na entrada dos principais edificios universitarios desde o 25 de novembro ata o 14 de decembro. “Como sempre é un pracer poder colaborar neste tipo de iniciativas que tentan facer un pouquiño máis doada a vida da xente, polo que animamos a todas as persoas a participar deixando as súas doazóns”, salientou Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, na presentación da campaña.

Concienciación

No lanzamento da iniciativa este mércores tamén estiveron Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Adriana Diéguez, de Cruz Vermella Ourense; Noemí Iglesias, de Amencer, e Isabel Gómez, da Oficina de Voluntariado do campus. As e os representantes das entidades implicadas coincidiron en agradecer á Universidade a súa participación e puxeron de relevo o a importancia de fomentar a conciencia social e solidaria entre a xente máis nova, neste caso o alumnado universitario, animando á súa participación nesta acción. Pola súa banda, Isabel Gómez sinalou como, ademais de facer doazóns, tamén existe a posibilidade de participar nesta campaña como voluntarios e voluntarias.

Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan conservas, aceite, leite, embutidos e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas. Os puntos de recollida están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro. Nos carriños habilitados tanto os membros da comunidade universitaria coma a cidadanía en xeral poden deixar as súas doazóns.

Olimpíada solidaria

Tamén cun carácter solidario, desde o pasado 5 de novembro e ata o 5 de decembro, o campus participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. As persoas que desexen participar só teñen que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións. Por cada hora “doada”, a organización da Olimpíada destinará, grazas ás entidades patrocinadoras, diñeiro a financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países desfavorecidos. A recadación conseguida con esta iniciativa na Biblioteca Rosalía de Castro destinarase a dous proxectos para mulleres de Ecuador e República Democrática do Congo. O primeiro deles é unha iniciativa de reactivación da actividade produtiva dun grupo de 220 mulleres artesás do cantón de San Vicente en Ecuador. O segundo proxecto que se financiará é de empoderamento, formación e capacitación de 463 mulleres ecoprodutoras organizadas en nove asociacións e integradas na Plataforma Ecolo Femme co fin de mellorar o seu nivel social e o seu benestar global na República Democrática do Congo.