DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Futuros e futuras universitarios percorreron os diferentes centros no marco das xornadas XOU 

O campus abre as súas portas ao futuro alumnado

As facultades e escolas ofreceron charlas e visitas guiadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/06/2019

Dar a coñecer ao alumnado preuniversitario e as súas familias a ampla oferta formativa da Universidade de Vigo a través de charlas, visitas guiadas e outra serie de actividades constitúe o propósito central das Xornadas de Portas Abertas XOU, que nestes días se desenvolven nos tres campus da institución académica. Tras arrincar este martes en Ourense, esta iniciativa da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria trasladouse nesta xornada ao campus pontevedrés, onde estudantes que recentemente remataban os seus estudos de bacharelato e familiares puideron participar nun percorrido polas diferentes facultades e escolas, nas que as presentacións se combinaron con visitas polas aulas, laboratorios e talleres.

“O obxectivo xeral das xornadas é achegar aínda máis a Universidade á sociedade, non só ao alumnado senón tamén ás súas familias”, salienta Susana Rodríguez, directora da Área de Captación de Alumnado. “Aínda que as portas están abertas todo o ano, a idea é tamén que haxa un día específico” no que as persoas interesadas poidan “coñecer as instalacións, a oferta formativa, os detalles de cada programa...”, engade sobre unha iniciativa que se enmarca no plan de captación de alumnado da Universidade e que busca tamén proxectar á institución académica “como unha universidade de referencia” para todas aqueles mozos e mozas que a pasada semana realizaban as probas da ABAU. 

Un percorrido por seis facultades e escolas

As xornadas que este xoves se desenvolven en Vigo, contaron en cada campus cun formato diferente. No caso de Pontevedra, organizáronse unha serie de visitas guiadas polos diferentes centros ao longo da mañá, “coa idea que que os horarios fosen compatibles” para aqueles e aquelas que quixesen coñecer a oferta formativa de varias facultades e escolas. Así, as xornadas arrincaron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde as e os participantes puideron intercambiar impresións co decano, Vicente Romo, antes de realizar un percorrido polas súas instalacións. A continuación, Ciencias Sociais e da Comunicación recibiu as e os participantes cun posto informativo do grao en Dirección e Xestión Pública e cun coloquio co vicedecano Paulino Pérez, completado coa proxección de diferentes traballos audiovisuais realizados polo alumnado da facultade. Fisioterapia e a Escola de Enxeñaría Forestal propuxeron tamén unha charla introdutoria e unha visita guiada polos seus laboratorios e tras estes centros as XOU trasladáronse a Belas Artes, onde unha visita guiada permitiu ao alumnado coñecer as materias e actividades que se desenvolven no centro. A última parada foi a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, no que a información sobre a oferta formativa viuse complementada cun percorrido polas súas salas de simulación práctica.

A oportunidade de obter información de primeira man

Esta Xornada de Portas Abertas reuniu tanto a estudantes que quixeron coñecer máis dunha facultade como a outros que tiñan xa claro que estudos queren cursar o vindeiro curso. Ese é o caso de Adriana Forte, Julia González e Raúl Casal, que tras completar os seus estudos de bacharelato no IES Illa de Tambo de Marín agardan retornar en setembro ao campus pontevedrés. “Canta máis información poidas ter, mellor”, recoñece Forte dunha actividade á que acudiu para saber máis do grao en Publicidade e Relacións Públicas, titulación que tamén é a escollida por Casal. “Ao final, a información que obtés por internet non é a mesma que a que tes cando entras e velo todo cos teus propios ollos”, subliña este alumno mentres que González, que prevé estudar Educación Infantil, destaca o positivo de "ver como é por dentro" o centro ao que agarda volver en setembro.

Tamén ten claro que quere estudar Carmen Rodríguez, que agarda converterse en alumna de Educación Primaria, no seu caso a través das prazas reservadas para maiores de 45 anos. “Interesábame facer a carreira en Pontevedra pola mención que ten en educación física e faltábame coñecer a facultade”, explica Rodríguez Caeiro, que salienta o positivo deste tipo de iniciativas “nas que podes consultar dúbidas e tamén coñecer o ambiente, para que cando chegues o primeiro día non te atopes nun lugar onde todo o é novo”.