DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 80 estudantes de Pontevedra e Redondela visitaron as diferentes facultades e escolas

O campus abre as súas portas ás futuras e futuros universitarios

Estas xornadas complétanse cunha segunda quenda o 24 de marzo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/02/2026

Co obxectivo de que o alumnado de bacharelato poida coñecer de primeira man a oferta académica e infraestruturas das diferentes facultades e escolas, a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra organizan unhas xornadas de portas abertas dirixidas a centros educativos e toda Galicia, que neste 2026 desenvólvense en dúas quendas, nos meses de febreiro e marzo. A primeira delas achegou este martes ao campus un total de 80 alumnos e alumnas de bacharelato, procedentes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e do IES Pedro Floriani de Pontevedra, que visitaron diferentes centros divididos por ámbitos de interese.

Esta iniciativa desenvolverase novamente no campus de Pontevedra o martes 24 de marzo, xornada na que está prevista a participación de varios institutos das provincias de Pontevedra e A Coruña. 

O itinerario artístico, principal foco de interese

Co obxectivo non só de presentar a oferta académica dun campus no que se forman no presente curso máis de 4400 persoas, senón de que as e os estudantes poidan coñecer ao detalle as titulacións que espertan o seu interese, estas xornadas abranguen diferentes itinerarios por ámbitos. Así, tras ser recibidos no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, as e os estudantes dividíronse en grupos para uns percorridos nos que puideron tanto coñecer as aulas e laboratorios dos diferentes centros, da man de representantes dos seus equipos decanais, como consultar dúbidas e conversar con universitarios e universitarias.

Nesta primeira quenda, o itinerario artístico foi o que congregou un maior número de participantes, un total de 50, entre os que se atopaban tamén dúas familias que asistiron á xornada a título particular. Este itinerario levounos a visitar as facultades de Belas Artes e Deseño, mentres que outros 16 optaron por coñecer os graos do ámbito sanitario, coa súa visita á Escola Universitaria de Enfermaría e á Facultade de Fisioterapia. Por último, outros 14 participantes coñeceron a oferta académica e instalacións das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación e Dirección e Xestión Pública.