DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores celebrouse o acto de benvida ao alumnado internacional de intercambio

O campus acolle este cuadrimestre 40 estudantes de 17 nacionalidades

Francia e Turquía son os principais países de orixe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 28/01/2026

Este mércores celebrouse no campus de Ourense o acto de benvida ao alumnado estranxeiro que este cuadrimestre estudará nas súas facultades e escolas ao abeiro dos diferentes programas e convenios internacionais nos que participa a Universidade de Vigo. Trátase de 40 rapazas e rapaces procedentes de 17 países, 31 dos cales chegan agora a Ourense e nove continúan despois de cursar xa o primeiro cuadrimestre neste campus. Se esta cifra se suma á dos 47 estudantes que estiveron no primeiro cuadrimestre e que xa retornaron aos seus países de orixe, a faciana internacional do campus de Ourense ascende neste curso académico 2025-26 a 87 persoas. 

No acto de benvida, que tivo lugar no Edificio de Ferro, o alumnado foi saudado por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quen agradeceu e felicitou ao estudantado pola elección de Ourense para realizar os seus estudos este cuadrimestre e animounos a aproveitar a súa estadía para enriquecer a súa traxectoria tanto persoal como académica. Do mesmo xeito, Óscar Ferreiro, en representación da Vicerreitoría de Internacionalización, deulle a benvida ao alumnado á Universidade de Vigo, lembroulle que este tipo de experiencias internacionais son “inesquecibles” e animounos a “non só asistir ás clases senón tamén a somerxervos na cultura, na lingua” e na cidade que os acolle. María Pardal, técnica de Relacións Internacionais, foi a encargada de explicar en detalle ao estudantado todas as cuestións referidas á súa estadía na UVigo, desde os servizos que teñen dispoñibles ata dúbidas. Por último, o alumnado de intercambio tamén puido coñecer as oportunidades que teñen no Centro de Linguas e a través da Erasmus Student Network (ESN). 

Procedencias e destinos

Por países de procedencia, encabezan a listaxe deste cuadrimestre no campus de Ourense Francia e Turquía, con sete estudantes procedentes de cada un deles, seguidos de Polonia (con catro); Xeorxia e República de Corea (tres cada un); e Italia, México, Mozambique e Estados Unidos (dous cada un). En canto aos centros de destino, a Facultade de Relacións Internacionais é a que máis alumnado foráneo capta (once), seguida de Educación e Traballo Social (oito); de Ciencias (sete); de Ciencias Empresariais e Turismo (seis); da Escola Superior de Enxeñaría Informática (catro); da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (tres) e de Dereito (un). 

Entre este alumnado, estivo este mércores Matteo Roman, procedente da cidade italiana de Padua e que este cuadrimestre estudará no campus na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “Esta é unha boa oportunidade para aprender español e creo que é unha cidade bonita para estudar”, explicaba á súa chegada ao Edificio de Ferro. A súa primeira impresión das instalacións universitarias é positiva, apuntando que lle parece un campus agradable para vivir esta estadía internacional. Compartindo estas primeiras boas sensacións estaba Théo Vigier, que procedente de Francia incorpórase á Facultade de Ciencias, concretamente ao seu Grao en Ciencias Ambientais. “Parece un bo campus, con clases pequenas, algo que me gusta”, sinalaba antes do acto de benvida. Aínda que apenas tivo tempo de visitar a cidade, arranca a súa etapa en Ourense “con moitas ganas”. Ao igual que Matteo, Théo escolleu a Universidade de Vigo coa idea de mellorar o seu español e no seu caso tendo en conta tamén o carácter marítimo de Galicia, xa que un dos seus focos de interese é a bioloxía mariña. 

Máis actos de benvida na UVigo

Os actos de benvida continuarán esta semana nos demais campus da Universidade de Vigo, seguindo o mesmo formato. Así, este xoves terá lugar no campus de Pontevedra, no salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e o venres no campus de Vigo, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, contando neste último caso coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización.